¿Quen somos?
Agrupación Local de Protección Civil do Carballiño (Ourense)

Un pouco de historia:

A Agrupación naceu no ano 1982, por iniciativa do entón alcalde e dun policia local. De seguido  integráronse na mesma un grupo de persoas, homes e mulleres, que desexaban dedica-lo seu tempo libre a axudar os seus conveciños.

Os primeiros servizos facíanse con mais entusiasmo ca medios e foi nas festas patronais de setembro do mesmo ano cando botou  a andar este  colectivo.

O colectivo segue a traballar unhas veces con máis voluntarios e acerto e outros con menos, dispoñendo xa dalgunha uniformidade, uns cantos "walkie-talkies"  e unha pequena "base" na que nos xuntábamos e artellábamos os "operativos" ata que, no ano 1992, a Xunta de Galicia asume as competencias en materia de Protección Civil  asumindo como un dos pilares deste servizo o incipente voluntariado, organizado nunhas poucas agrupacións distribuídas por toda a comunidade e, entre elas, a Agrupación Local do Carballiño

A partir de aquí, coa aprobación de nova normativa que regula a nosa actividade e, sobre todo, co apoio da Xunta  mediante a entrega de material e axudas económicas a Agrupación multiplica os servizos que ofrece a comunidade recibindo a súa vez un constante aporte de novos voluntarios e voluntarias.

Nestes anos prodúcese tamén un fito que contribúe o despegue da Agrupación (ó igual que outras moitas en toda a Comunidade): trátase da incorporación   dos obxectores de conciencia que viñan a realizar na entidade a Prestación Social Substitutoria.

 

 

Cos recursos humanos que supoxo a incorporación dos obxectores conseguiuse establecer un "servizo permanente" as 24 horas do día.

A desaparición da Prestación Social Substitutoria obrigounos a seguir prestando o servicio de 24 horas exclusivamente co voluntariado.

 

O abano de actividades que desenvolve a Agrupación medrou constantemente dende o seu nacemento, de xeito que, no ano 1998 se modifican os Estatutos da Asociación para incluir nos fins da mesma as actuacións que xa víñamos facendo ou nas que participábamos con maior frecuencia.

Durante estes anos fomos case o único recurso para a atención da maioría dos servizos de "urxencia" ou "emerxencia"  ata que en 1997 o Concello do Carballiño, co apoio económico da Xunta de Galicia crea o Grupo Municipal de Intervención Rápida (GRUMIR). Dado que este Grupo, formado por persoal asalariado -profesionais-  só  está contratado durante uns meses o ano, a intervención da Agrupación neste ámbito das urxencias/emerxencias segue sendo necesaria.

A Actualidade:

Hoxe a Agrupación  está formada por algo mais de 60 voluntarios e voluntarias de distintas idades, formación, profesión,... que dedican unha boa parte do seu tempo libre a realizar un amplo abano de actividades e servizos en beneficio da poboación do Carballiño e doutros concellos (fundamentalmente da comarca, aínda que en ocasións tamén doutros puntos da provincia, e incluso fóra dela).

 

 

 

 

Inicio